martes, agosto 05, 2008
Os Amigos de Caldelas
Perdoade o retraso en dar novas. Ainda hoxe, luns, seguimos a resolver temas propios da organización dos espectáculos pero non queremos deixar pasar mais tempo sen dar as grazas ao público que asistiu, en total case 500 persoas nas dúas noites. Había un ambiente magnífico, relaxado e con moitas ganas de disfrutar do espectáculo e da maxia do mosteiro de San Paio. Agradecemos moito a magnífica acollida do público. Confiamos en que todos disfrutaran e sepan perdoar os fallos que se produxeron o primeiro día. A chuvia que caiu ata ben entrada a tarde puxo as cousas difíciles.
Queremos agradecer ao concello de Castro Caldelas o seu apoio e colaboración. Desde o momento que lle propuxemos a idea o alcalde, Eladio Osorio, e a concelleira de cultura, Inés Vega, estiveron moi receptivos e axudaron en todo o que foi necesario. Tamén queremos agradecer a José Luis Táboas que acollera a nosa proposta e nos abrira con tanta xenerosidade as portas do mosteiro. Para esta primeira edición, ademais de contar coa colaboración do concello de Castro Caldelas, contamos co apoio da consellería de cultura e deporte da Xunta de Galicia e da OBRA SOCIAL CAIXAGALICIA. Agradecemos tamén o seu poio ao delegado de Cultura en Ourense, Xosé Carlos Sierra, que nos animou cando lle presentamos o proxecto.
Tamén queremos agradecer á “organización segreda” , que mencionou Quico na súa presentación, imprescindible para que todo funcionara. Ahí están Carles Tarsà, que nos cedeu a foto para os carteis e o folleto, Carlos Sabín, que nos prestou as pacas para delimitar os espazos do mosteiro, Pepita e mais Pepe, que fixeron xestions sen fin, Verónica, que percorreu moitos kilómetros pegando carteis, a José Luis do Milucho, que gravou a actuación de Quico Cadaval, A Dori Vázquez, que axudou na taquilla, a Ana Sotelo que nos axudou a atopar as cadeiras, a Juan, Puri e Richard, que axudaron na montaxe e desmontaxe, a Antón, que traballou duro colocando cadeiras, a María, que nos trouxo a Quico en coche desde Lugo e fixo que o ánimo se mantivera alto, a Fabiola que nos cedeu a súa casa para acoller aos convidados, á Asociación de adegueiros da Ribeira Sacra Ourensá e ao seu presidente, Jorge Feixó, que ofreceron o viño que se serviu as dúas noites, a Dani Juncal, que diseñou a preciosa montaxe así como a Breixo e Miguel, os técnicos de iluminación e son que fixeron posible converter o adro de un mosteiro no medio das viñas nun lugar para o teatro, tamén á brigada do concello, a Cristobal, Gordillo, Javier o notario e Pepiño… Pedimos disculpas se nos esquecemos de alguén, moitas son as persoas que nos deron o seu apoio e puxeron ilusión en que se celebraran estas noites, e toda a axuda e ánimo foi importante.
Grazas a Carlos Blanco e Quico Cadaval as dúas noites disfrutamos de un humor cheo de intelixencia e de poesía, de un teatro que bebe da cultura popular e da literatura e que proxecta unha mirada crítica sobre a actualidade.
O xoves a chuvia ameazou ata o final. Tiñamos un plan B, que significaba trasladarnos ao castelo. Ás 18h decidimos arriscarnos e manter o espectáculo no mosteiro de San Paio. Iamos xustos de tempo para a montaxe e non se puido probar a magnífica iluminación diseñada por Dani, que si se puido apreciar o venres. A chuvia fixo que o espectáculo empezara tarde e que faiara o xenerador da luz no medio da actuación. Carlos Blanco, grandísimo actor, soupo salvar a situación con unha linterna e a súa capacidade de improvisación. Maila estes atrancos, que moitos nervios nos fixeron pasar, Carlos Blanco conseguiu que a noite fora todo un éxito. O público riu moitísimo coa súa visión aguda e tenra de cómo somos os galegos. Ao día seguinte, para non correr mais riscos, cambiamos a máquina do xerador, o día estaba radiante e pudemos preparalo todo con tempo suficiente. Así que cando empezou a chegar o público polo camiño, sobre as 22h, todo foi rodado. Os coches quedaron as dúas noites no pobo de Santa Tegra e o público baixaba a pé polo camiño. Esa noite discurriu sen atrancos e veuse que o adro do mosteiro é un espazo fantástico para celebrar espectáculos. Quico Cadaval estivo magnético, fascinante, o público nin pestanexaba.
Como era o noso obxectivo, con esta proposta a asociación Amigos de Caldelas quere contribuir a poñer en valor un espazo diferente do noso patrimonio e sumarse á oferta cultural para o verán ourensán.
Foto: Carlos Campos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario