domingo, agosto 02, 2009

Nota de prensa de Dúas noites

Os días 12 e 13 de agosto, no mosteiro de San Paio, na Ribeira Sacra, en Castro Caldelas, Dúas noites estará adicado á música do Atlántico lusófono. O festival presentará un concerto do compositor brasileiro Fred Martins e o espectáculo “A travesía da saudade”, dirixido por Uxía.

O festival, organizado pola asociación de amigos de caldelas, acollerá o mércores 12 de agosto a actuación do cantautor brasileiro Fred Martins, que estará acompañado polos músicos Sérgio Tannus, (Guitarras, cavaquiño e mandolina), Isaac Palacín (batería) e Álvaro Iglesias (Contrabaixo). Fred Martins, premiado compositor e representante da Música Popular Brasileira, acaba de editar o seu cuarto álbum, “Guanabara”, e esta é a primeira xira que realiza pola Península.

O xoves 13 de agosto, Dúas noites de música acollerá o espectáculo dirixido por Uxía

 "A TRAVESÍA DA SAUDADE”, un percorrido polas músicas de Galiza, Brasil, Portugal e Cabo Verde. Os músicos  Sérgio Tannus (guitarras, cavaquinho e mandolina) e Sérgio Salles (teclados)  acompañarán a Uxía nun espectáculo no que sopra a brisa da grande música do Atlántico lusófono, do alalá ao fado, da morna à música tradicional azoriana.

Na súa primeira edición, o pasado verán, Dúas noites estivo adicado á narración oral, coas actuación de Carlos Blanco e Quico Cadaval.

O mosteiro de San Paio, en Santa Tegra, Castro Caldelas, espazo que acolle o festival, é unha das xoias do románico da Ribeira Sacra.  Con esta proposta, a asociación Amigos de Caldelas quere sumarse á oferta cultural  para o verán en Caldelas e contribuir a poñer en valor un espazo diferente do rico patrimonio da Ribeira Sacra.

PROGRAMA DUAS NOITES DE MÚSICA

Mosteiro de San Paio, Santa Tegra, Castro Caldelas, Ribeira Sacra.

12 de agosto

FRED MARTINS

 Fred Martins trae a Galiza o seu cuarto álbum, “Guanabara”, que o consolida como un dos máis brillantes cantautores brasileiros da súa xeración. Ésta é a primeira xira  realizada na Península por este artista recoñecido internacionalmente.

Influenciado tanto polo folk anglosaxón como polos clásicos da música popular brasileira, a súa sensibilidade e versatilidade lévanno con igual naturalidade ao pop maino como á samba intimista, sempre apoiado na expresividade e orixinalidade das letras do poeta Marcelo Diniz Martins, o seu principal parceiro até o de agora, e do tamén poeta Francisco Bosco.

As súas composicións son interpretadas por destacadas voces da Música Popular Brasileira (Ney Matogrosso, Zélia Duncan, Maria Rita, Eliana Printes, Carol Saboya, Dalila Couti, Clara Becker, Elisa Queirós,...)

 

FRED MARTINS (Voz, guitarra)

SÉRGIO TANNUS (Guitarra)

ISAAC PALACÍN (Batería)

ÁLVARO IGLESIAS (Contrabaixo)


13 de agosto,

A TRAVESÍA DA SAUDADE

Espectáculo dirixido por Uxía, con Sérgio Tannus (guitarra, cavaquinho e mandolina). Sérgio Salles (teclados) , e UXÍA (voz).

Unha corrente de música percorre o Atlántico: parte das brumas da Costa da Morte galega, baixa polas praias e falésias portuguesas, atravesa Cabo Verde, absorbe o calor do Golfo da Guiné e corre cos ventos que van rumbo ao Brasil. O nome dessa corrente é A TRAVESÍA DA SAUDADE, un espectáculo no que se mostran os frutos creativos desta comunión musical. 

 Do alalá ao fado, da morna à música tradicional azoriana, um concerto onde sopra a brisa da grande música do Atlántico lusófono.

UXÍA. Voz

SÉRGIO TANNUS (Guitarra, cavaquiño, mandolina)

SÉRGIO SALLES (teclados e melodía)

Hora:10:30h.

Venda anticipada de entradas a través de Caixa Galicia (9€)

E media hora antes de cada función, no propio mosteiro (12€).

Aforo limitado.

amigosdecaldelas@gmail.com


No hay comentarios: