Mostrando entradas con la etiqueta Dani Juncal Uxía Fred Martins Carlos Ruth Charo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dani Juncal Uxía Fred Martins Carlos Ruth Charo. Mostrar todas las entradas

domingo, agosto 16, 2009

Por segundo ano, dúas noites de música


O xoves pasado, en San Paio, Uxía con Sergio Tannus, Sergio Salles e Paolo. O mosteiro iluminado nunha noite de calor como é difícil recordar outra. Alguén dixo que ao lonxe parecía que había lume en San Paio. E sí, lume había: enerxía positiva, talento desbordante. Un ceo estrelado e cinco estrelas no esceario. Cinco con Fred, que os acompañou cando interpretaron dous dos seus temas. Un deles, “Tempo afora”, é o preferido de Antón, que pide escoitalo continuamente. Uxía, estivo grandiosa, coa súa voz tan rica, tan chea de rexistros. Está igual de magnífica nos seus temas de sempre que borda un tango ou versiona o clásico “Volare”. Dice Fred que Uxía “valoriza todo o que canta”. É a grande dama da música galega. Sen dúbida unha artista de tanta categoría como calquera das cantantes que triunfan na escea internacional. En San Paio, a nós, fixonos disfrutar, estremecer, soñar, sorrir, chorar de emoción. O público en silencio reverencial, sobre todo cando cantou a capela “Teño unha casiña branca”. Ela soia sobre o escenario. Magnífica Uxía. O espectáculo que nos ofreceu, “A travesía da saudade”, funde a tradición da música galega coa cadencia da música brasileira. Magníficos músicos: Sergio Tannus, Sergio Salles e Paolo. Prodixiosa mestizaxe. E cando tocaron dous temas de “choro”, despregaron toda a súa arte. E entre o público a mesma emoción. Moitos aplausos.
O día anterior tivéramos a inmensa sorte de poder escoitar a Fred Martins neste mesmo esceario, acompañado por Sergio Tannus e os músicos galegos Isaac Palacín e Álvaro Iglesias. Desde o principio ata ao último bis, esa foi tamén unha noite máxica, perfecta, emocionante.

E todo iso, esta segunda edición de Dúas noites, foi posible grazas ao impulso e a ilusión de moitas persoas. Grazas ao fantástico traballo e a entrega de Dani Juncal na iluminación e posta en escea. Dani conseguiu a maxia de facer que algúns pensaran que o mosteiro contaba xa con partes rehabilitadas de tanto que lucía. E Carlos Blanco, o noso “padriño”, que nos quixo acompañar e presentar os espectáculos. Tanta xenerosidade, tantas cousas impagables que se fan por compromiso coa cultura do noso país, por ilusión e amizade. Foi un luxo increíble poder telos a todos con nós, pasar dúas noites e dous días inesquecibles, e poder compartir todo eso co público. Esa é a maxia do arte verdadeiro, a capacidade de crear mundos.
Algo que foi posible tamén grazas á profesionalidade dos técnicos de RTA que traballaron como leóns para preparar a montaxe dos concertos nunha tarde de intenso calor, co sol mallando sobre o mosteiro. Grazas ao apoio do concello de Castro Caldelas, que nos axudou a organizar os espectáculos este ano no que non tivemos ningunha axuda económica das institucions. O seu respaldo e colaboración foi moi importante. Como importante é tamén a colaboración da asociación de adegueiros da Ribeira Sacra Ourensá, a través do seu presidente, Jorge Feijoo, que por segundo ano aportou o viño que se serviu ao final dos concertos. Sempre pensamos que na Ribeira Sacra o viño tiña que ter un protagonismo especial. Todos os que puxemos en marcha Dúas noites, traballando sempre en equipo e aportando cada un a súa ilusión e o seu traballo, Ruth, Carlos, Charo e Bautista, estamos moi agradecidos a todos aqueles que nos axudaron e ao público tan marabilloso que acudiu á cita.

Foto: Carlos Campos