martes, junio 24, 2008

Dúas noites de contos, con Carlos Blanco e Quico Cadaval


A asociación Amigos de Caldelas organiza, o 31 de xullo e o 1 de agosto de 2008, “Dúas noites de contos” no mosteiro de San Paio con dúas primeiras figuras da escea teatral galega, os actores Carlos Blanco e Quico Cadaval.

Cada unha das dúas noites está plantexada como unha sesión de contacontos. O protagonista será o actor que se presenta, coas súas narracións e a súa persoal maneira de conectar co público. Na transmisión oral están en parte tamén as raíces da nosa cultura, e a literatura galega ten unha rica tradición de oralidade. Disfrutaremos de unha visión moderna do teatro que enlaza con esa tradición.

Tanto Carlos Blanco como Quico Cadaval son abondo coñecidos a través da televisión e o cine. Como excelentes actores, autores e directores, ámbolos dous son figuras renovadoras da escea teatral galega. Nos espectáculos que adoitan presentar, o espectador pode recoñecerse, identificarse, ao mesmo tempo que se descubre de unha maneira diferente. Con humor intelixente, Carlos Blanco e Quico Cadaval mesturan a tradición popular e as referencias literarias, tan importantes na nosa cultura, proxectando ao mesmo tempo unha mirada crítica sobre a actualidade.

O adro do mosteiro de San Paio é o lugar escollido pola asociación para celebrar estes espectáculos. O mosteiro, unha xoia do románico gravemente deteriorada, atópase neste momento á espera de ser rehabilitado. Malia o seu estado e a ser pouco coñecido fora da comarca, San Paio forma parte aínda, de maneira moi viva, do noso patrimonio histórico-artístico, e pensamos que se trata de un espazo moi querido polos caldelás, que lamentamos o seu grave estado de deterioro e o expolio que sufríu. Con esta acción queremos contribuir a súa posta en valor, cumplindo así con outro do obxectivos da asociación, que é o de reivindicar e traballar pola recuperación dos espazos públicos e o patrimonio histórico-artísitco e natural da nosa zona.

“Dúas noites de contos” nace con vontade de continuidade, para ser unha cita anual que dinamice a actividade cultural caldelá. Esperamos poder compartir con todos dúas noites de verán cheas de humor, poesía e misterio, e convidámosvos a participar na asociación. A cita é no mosteiro, ás 22,30h da noite. Pronto poñeremos á venda as entradas, a un prezo de 5€ para cada espectáculo, e informaremos das novas.